Na súa intervención no I Observatorio de los Objetivos de Desarrollo Sostenible (ODS) Rueda incidiu na urxencia dunha xestión áxil e eficaz dos fondos europeos Next Generation para reforzar a contribución de Galicia ao desenvolvemento sustentable, a través dos seus principais proxectos empresariais innovadores. Sinalou a vontade de Galicia de liderar unha transformación industrial que teña na sustentabilidade un eixo prioritario, e puxo como exemplo tres iniciativas que están á espera de certezas por parte do Executivo central na asignación de fondos. Particularmente, os plans de Stellantis para construír en Vigo unha nova plataforma orientada á fabricación de coches eléctricos; os da multinacional xaponesa Showa Denko para elaborar ánodos de grafito na Coruña ligados á mobilidade sustentable; ou aos de Altri para levar adiante en Palas de Rei (Lugo) unha fábrica de fibras téxtiles, que permitiría a Galicia concentrar o 3% da produción mundial destes materiais de futuro.
A este respecto, o mandatario autonómico lamentou que unha ocasión como a dos fondos europeos estea a quedar diluída pola falta de axilidade na execución, logo de que o Goberno decidira centralizar a distribución dos recursos. Nesa liña, tendeu a man para ofrecer a experiencia xestora de Galicia na execución eficaz destes instrumentos.
O presidente da Xunta tamén fixo referencia a outros sectores con potencial nos que a Comunidade está a traballar, como o hidróxeno verde, as iniciativas de valorización de residuos gandeiros ou o desenvolvemento ordenado da enerxía eólica mariña.