Rueda visitou as obras de acceso ao polígono de Sabón, en Arteixo


O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou que a transformación dos accesos ao polígono de Sabón, “un dos máis potentes e dos que máis tiran do emprego de calidade en Galicia”, supón unha mostra do compromiso da Xunta co progreso e benestar de Arteixo e, en xeral, de toda a comarca da Coruña.

O titular do Executivo galego asistiu á posta en funcionamento das obras de ampliación e mellora da avenida da Deputación, ás que o Goberno galego destinou máis de 6,3 millóns de euros, e lembrou que esta vía é o acceso principal a un gran centro de actividade económica e de emprego que leva experimentado nos últimos anos un puxante ritmo de crecemento.

No polígono de Sabón, en Arteixo, están asentadas preto de 100 empresas que dan traballo, cada día, a máis de 7.500 traballadores e valorou que algunhas desas compañías sexan as mellores credenciais da marca Galicia e buques insignia da economía da nosa Comunidade.

Na súa opinión, o éxito empresarial que atesoura Sabón ten a súa orixe na audacia deses emprendedores capaces de levar as súas firmas pola senda da prosperidade, un talento que se mide na elección deste polígono como un entorno idóneo para instalar os seus negocios, cunhas comunicacións privilexiadas e contando co compromiso dunhas administracións públicas sensibles coas súas necesidades.

O presidente galego destacou o traballo conxunto realizado entre a Xunta e o concello de Arteixo, convencidos da necesidade de dotar este polígono das mellores comunicacións posibles e ofrecer solucións ás retencións que se viñan producindo en horas punta coa entrada dos traballadores.

Ademais de mellorar a funcionalidade, o alcance da actuación que hoxe se puxo en servizo vai moito máis alá, xa que permite unha significativa mellora da seguridade viaria; insírese no compromiso do Goberno galego pola ordenación e posta en valor do noso territorio; e procura demostrar que un polígono industrial tamén pode ser un espazo público humanizado cunha paisaxe agradable.

“Hai que pensar nos vehículos, en todo o movemento comercial que hai pero, tamén, procurar que as persoas poidan desfrutar das obras que se fan e poidan camiñar por elas”, afirmou o presidente da Xunta.

Rueda auguroulle o mesmo éxito que o da rotonda elevada, que se puxo en funcionamento hai oito anos e que no seu día supuxo “unha aposta de futuro que os anos demostraron que era unha aposta ben feita, igual que esta nova e que todas as que fagamos en polígonos industriais tan potentes coma este de Arteixo”.