‘Ruralísimo’, a campaña fotográfica coa que Muxía defende a vida na «Galicia profunda»

Cartel 'Ruralísimo'_Concello de Muxía

  • As fotos recibidas serán expostas nas redes sociais do Concello

O Concello de Muxía acaba de poñer en marcha a iniciativa ‘Ruralísimo’, cuxo obxectivo é reivindicar o rural a través das redes sociais. A actividade nace despois da polémica xerada por unha sentenza na que a unha nai se lle retira a custodia do seu fillo e unha das alegacións presentadas pola xuíza é que a muller reside na «Galicia profunda».

As persoas que desexen participar deberán enviar unha fotografía presumindo do rural muxián ao teléfono 696 570 070. Todas as instantáneas recibidas serán recollidas e publicadas nun álbum de fotos no Facebook municipal o vindeiro martes, 2 de novembro.

O alcalde, Iago Toba, destacou que as persoas que «tivemos a sorte de nacer no rural, na Galicia profunda, somos conscientes e valoramos moito o que temos, a nosa esencia», por ese motivo «nos vemos na obriga de alzar a voz contra o que cremos que non é xusto».