Intensos bombardeos rusos en varias cidades de Ucraína. Polo menos doce persoas morreron e 60 resultaron feridas este sábado tras un ataque contra un edificio de vivendas de nove plantas en Dnipró, na rexión central de Dnipropetrovsk. Os equipos de rescate, formados por 230 persoas e 67 unidades, tentan salvar ás persoas con guindastres mentres estas sinalan a súa localización con lanternas e móbiles. Desde a mañá soaron as sirenas antiaéreas na capital, kiev. Os ataques centráronse en destruír a infraestrutura civil, e provocaron cortes de luz na maioría das rexións.
Ucraína rexistrou o lanzamento de 38 mísiles desde os mares Negro e Caspio, dos que 25 foron destruídos pola defensa antiaérea. O primeiro ministro de Ucraína, Denys Shmyhal, afirmou que ademais houbo impactos en instalacións de infraestrutura crítica en varias rexións, entre elas en Odesa. Na provincia de Járkov, no leste do país, dous mísiles impactaron nunha infraestrutura importante e hai apagamentos de emerxencia, indicou o gobernador, Oleg Synegubov, tras o segundo ataque do día. Xa pola mañá houbo ataques contra infraestruturas craves e instalacións industriais na cidade homónima e a rexión.