Rusia respondeu este luns ao plan de paz para Ucraína presentado o pasado venres polo Goberno chinés, un plan de 12 puntos que Moscova «valora» e di estudar «detidamente». A proposta de paz chinesa coincidiu co primeiro aniversario do inicio da invasión rusa e foi acollida con escepticismo por Occidente. Nos seus 12 puntos, contemplaba aspectos como un cesamento do fogo inmediato, o establecemento de negociacións entre ambas as partes, o respecto á soberanía territorial ou a retirada das sancións internacionais contra Rusia. Con todo, non mencionaba en ningún momento que hai un país agresor e outro agredido.
O voceiro do Presidente ruso, Dmitri Peskov, afirmou que a situación aínda non está madura:
– «Calquera intento de elaborar un plan que contribúa a unha solución pacífica do conflito merece atención, e estamos a estudar o plan proposto polos nosos amigos chineses con gran atención. En canto aos seus detalles, hai que analizalos a fondo e ter en conta os intereses das distintas partes. É un proceso moi longo e difícil. Reiteramos que agora non vemos condicións para un arranxo pacífico. A operación militar especial continúa e avanzamos cara á consecución dos obxectivos fixados», dixo Peskov.