Rutas para desfrutar do municipio de Vimianzo durante esta Semana Santa

1 minutes read
  • A área de Turismo puxo en marcha ‘Cantos séculos podes percorrer nun día?’, unha serie de visitas guiadas e teatralizadas en diversos espazos

O Concello de Vimianzo pon á disposición de todos os veciños e visitantes un itinerario para poder realizar diversas rutas durante esta Semana Santa. A área de Turismo, baixo a denominación de ‘Cantos séculos podes percorrer nun día?’, recolle nun mapa os principais puntos para visitar, apoiándose ademais nas audioguías de vimianzo.mobi.

Os penedos de Pasarela e Traba, a ruta dos Dolmens, o castro das Barreiras, a necrópole de Tines, o Castelo de Vimianzo, as fervenzas de Cambeda ou a ruta de Calo a Castrobuxán forman parte do itinerario.

Ademais, propóñense visitas teatralizadas ao Castelo coa compañía Os Quinquilláns, de xoves a domingo ás 12:00 horas pola mañá, e de tarde de xoves a sábado ás 19:00 horas pola tarde. Tamén haberá visitas guiadas aos Batáns, de xoves a domingo ás 10:45 horas e ás 16:00 horas, e ao Castro das Barreiras, de xoves a domingo ás 17:00 horas. É obrigatoria a inscrición en turismo@vimianzo.gal.