Sábado de ciencias no Dolmen de Dombate con charlas sobre meteoroloxía

1 minutes read
  • O contido das aulas científicas estará dispoñible nas redes sociais do Concello de Cabana e a Deputación a partir do 10 de setembro

‘Meteoroloxía e clima’, as terceiras xornadas científicas da Luz da Ciencia dende o Dolmen de Dombate, xa están en marcha. Este venres comezou a gravación dos contidos das aulas que organizan a Deputación da Coruña e o Concello de Cabana e que estarán dispoñibles nas redes sociais de ambas entidades a partir do 10 de setembro.

Ás 19:00 horas iniciouse o primeiro día de gravación con público en directo no centro arqueolóxico desde marzo, cando se inauguraron estas xornadas trimestrais. Mabel Montes Rama, presentadora do informativo meteorolóxico na Televisión de Galicia, explicou como é ‘Contar o tempo pola tele’. Pola súa banda, Juan Taboada Hidalgo, coordinador de MeteoGalicia, afondou nas particularidades climáticas da nosa comunidade con ‘De onde vén a riqueza meteorolóxica de Galicia? Explicación dos numerosos microclimas galegos’. Tanto Mabel Montes como Juan Taboada participaron posteriormente nunha mesa redonda co físico e catedrático da USC Jorge Mira onde debateron ‘Como será a información meteorolóxica do futuro?’.

Este sábado a gravación comezará a partir das 19:30 no museo do Dolmen de Dombate. Será a quenda de Susana Bayo Besteiro, investigadora no EPhysLab da Universidade de Vigo e directora e presentadora de El Tiempo en Telemiño e o xornal La Región, coa sesión ‘A pelexa da ciencia contra o cambio climático’. Xavier Fonseca Blanco, xornalista científico de La Voz de Galicia, aportará respostas na súa intervención: ‘Está o tempo tolo? Non, a culpa é do Jet Stream’.

Susana Bayo, Xavier Fonseca e Jorge Mira pecharán esta terceira edición da Luz da Ciencia cunha mesa redonda onde analizarán ‘O cambio climático que nos vén enriba’.