Sábado tráxico con dous mortos nas estradas de Bergantiños, en Buño e Rus


  • Faleceu un mozo de 31 anos nunha saída da vía en Buño.
  • Tamén faleceu un home de 82 anos atropelado na recta de Rus.

O primeiro accidente produciuse no Km 1 da estrada AC-419, que une Buño e Ponteceso, uns minutos despois das 08:00 horas deste sábado. Nese momento, unha persoa particular alertou ao 112 Galicia do sinistro. Axiña, os xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia solicitaron a intervención do persoal de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, que, malia os esforzos, nada puido facer por salvarlle a vida á persoa accidentada, Sergio Collazo Ures, de 31 anos e natural do lugar de O Vilar, correspondente á parroquia de Leiloio, no Concello de Malpica. Ademais, desde o CIAE 112 Galicia pasouse o aviso aos Bombeiros de Bergantiños, ao GES de Ponteceso, á Garda Civil de Tráfico e a Protección Civil da localidade.

O segundo sinistro mortal producíase minutos antes do mediodía na coñecida recta de Rus, no Km 5,5 da DP-1914 que une Carballo e Portomouro, en concreto no cruce que deriva para Erbecedo por unha parte e Ramil pola outra. Dous turismos colisionaron por alcance e un deles saíu despedido á acera pola que presuntamente camiñaba un peón que tras ser alcanzado polo turismo terminou falecendo. Trátase de Alfredo Viña Calvelo, un veciño de Entrecruces de 82 anos. Tras o coñecemento do sinistro o 112 Emerxencias Galicia mobilizou ao lugar á Garda Civil de Tráfico así como aos Bombeiros de Carballo, e a un equipo sanitario, pero nada puideron facer por salvarlle a vida ao home, que morreu no acto. Un carril da estrada provincial estivo cortado mentres non se levantou o corpo do home falecido. A poucos metros do lugar, en marzo de 2021, falecía outro ancián de 93 anos, atropelado por unha furgoneta de reparto.

Coche implicado que atropelou ao peón.
Coche implicado no accidente.