Sacan á luz no xacemento de Proendos un hórreo romano único en Galicia


Os últimos traballos impulsados neste xacemento xa constataron a existencia dun hipocausto, unha estancia oca que os romanos adoitaban construír debaixo do chan nos cuartos das vivendas e nos baños para que circulara o aire quente. Tamén se localizou unha ábsida circular, un elemento arquitectónico de orixe romano presente tanto en edificios relixiosos como seculares, e unha hipotética horrea romana. A estas achegas súmanse os numerosos materiais ou os restos das estruturas das edificacións, que xa foron localizadas a un nivel moi superficial nas primeiras xornadas de traballo, ou a aparición dun mosaico romano que non se conserva íntegro, pero do que si apareceron varios fragmentos reducidos.

Cómpre lembrar que a prospección xeofísica levada a cabo polo Concello de Sober no ano 2019 xa permitira constatar a existencia de, polo menos, un complexo de hipocaustos de extensión considerable, varios elementos de posible carácter público e de servizos, posibles estruturas de habitación, unha probable trama urbana ou estruturas funerarias, así como un hipotético sistema de condución de augas.