Sada abre unha instalación de calistenia no Paseo Marítimo

1 minutes read

O Concello de Sada, a través da concellería de Mocidade, ven de abrir ao público unha nova instalación na zona deportiva, situada detrás das pistas do paseo, que era unha demanda das persoas que practican exercicio físico ao aire libre. Unha ducia de elementos de exercicios compoñen o novo espazo que tamén se dotou dunha fonte e un acceso peonil que realizaron operarios de Obras e Servizos.

Barras simples, pórtico de argolas, corda para rubir, escaleira inclinada, barra de flexión de brazos, barras triangulares, espaldeiras, escaleira horizontal, escaleira horizontal inclinada, barras paralelas, barras de flexións e bancos de salto son os elementos que se instalaron no novo espazo de Calistenia do paseo marítimo de Sada.

Esta instalación aberta ao público súmase ás numerosas opcións de lecer do Paseo Marítimo onde se atopan as pistas polideportivas (fútbol, baloncesto e tenis), o parque infantil (renovado completamente en 2019), o novo carril-bici (realizado en 2019) e unha gran extensión de zona verde (renovada en 2020).