Sada abrirá este verán á Pía do Loureiro, a piscina das Cerámicas do Castro


Este verán os veciños e veciñas de Sada volverán a disfrutar da piscina da Pía do Loureiro grazas a un convenio entre as Cerámicas do Castro co Concello de Sada que permite o uso público desta piscina ao aire libre para ofrecer unha atracción lúdica para os sadenses.

Este ano a instalación recreativa, que comprende a piscina e as instalacións anexas coma vestiarios e zona de solárium, terá acceso libre e gratuito. A instalación abrirá con horario de 12.00 a 20.00 horas os meses de xullo e agosto e o Concello achega, ademais, os socorristas, mantemento e a limpeza das instalacións.

Efectivos de Obras e Servizos xa están a realizar melloras nas instalacións e posta a punto dos vestiarios da piscina e limpeza  do vaso, que posteriormente será pintado respetando os polbos entrelazados deseñados por Luis Seoane en 1972.

O convenio, asinado polo alcalde de Sada, Benito Portela e as Cerámicas  de O Castro, sinala que o Concello de Sada está a planificar a programación das actividades sociais, culturais, deportivas e recreativas en beneficio dos habitantes do seu termo municipal.

Este convenio recolle ademáis a vontade de ampliar este acordo con outros que faciliten o acceso da veciñanza e visitantes as propiedades e patrimonio artístico do complexo das Cerámicas  de O Castro.