Sada asina un convenio para mellorar o funcionamento hidráulico do río Maior

1 minutes read

Augas de Galicia asinou un convenio de colaboración co Concello de Sada para a mellora do funcionamento hidráulico do río Maior e evitar inundacións no núcleo urbano da vila. O convenio suporá un investimento conxunto de máis de 1,57 millóns de euros.

Mediante a cooperación entre a Xunta e a entidade local, impulsarase a realización dun estudo de alternativas que determine a proposta máis adecuada para actuar no treito final do río Maior e, a partir das conclusións obtidas neste estudo, realizar un proxecto construtivo da solución determinada, acometer as obras e, posteriormente, conservalas e mantelas.

Segundo o convenio, do total da achega, 75.000 euros destinaranse á redacción do proxecto construtivo, cuxo custo asumirá o Concello de Sada. Os 1,5 millóns de euros restantes destinaranse á execución das obras, achegando 500.000 euros Augas de Galicia e 1 millón de euros o Concello de Sada.

Esta actuación contará co cofinanciamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.