O Concello de Sada esixe a construción dun novo centro de saúde na vila


O alcalde de Sada, Benito Portela, en nome da corporación local, ven de enviar unha carta ao presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, onde  apelando aos principios de colaboración, cooperación e coordinación entre as administracións públicas, realiza unha petición de entrevista persoal para poder tratar e concretar, á maior brevidade posible, entre ambas administracións, “os acordos precisos para trasladar o centro de saúde a unha nova zona de doado acceso e con mellores condicións para a localización dun edificio dese tipo”.

O rexedor subliña na misiva que unha das principais e máis insistentes demandas da cidadanía sadense é a do cambio de ubicación do centro de saúde xa que a súa situación actual, debido á inaccesibilidade da mesma, implica serias dificultades e limitacións tanto para a cidadanía en xeral como para a xente maior e persoas con mobilidade reducida en particular.

O alcalde lembra que  despois de agardar un tempo prudencial sen recibir resposta a esta cuestión, dende o Concello de Sada decidiuse avanzar no proceso e, recentemente procedeuse á contratación da redacción do PERI que definirá e reordenará a zona onde se prevé a instalación do novo centro de saúde para Sada e permitirá poñer á disposición da Consellería de Sanidade os terreos precisos para a súa construción.