“Sada Limpa” o plan de limpeza integral das rúas do municipio


A concellaría de Obras e Servizos de Sada acaba de pór en marcha o plan “Sada Limpa”, unha iniciativa coa que se pretende mellorar a limpeza das distintas rúas e espazos públicos do concello.

Para iso, procederase a realización de tarefas de limpeza empregando nelas lavadoras con auga a presión, varredoras industriais e baldeadoras, completando devanditos traballos con varridos manuais dos distintos sectores. 

Para optimizar o resultado, desde o concello está a solicitarse a colaboración da veciñanza á hora de retirar os vehículos das vías públicas nas que se vaia a intervir para así poder actuar nos distintos sectores de maneira integral. 

Para o deseño do plan “Sada Limpa”, os técnicos do Concello de Sada xunto cos da empresa adxudicataria da limpeza viaria dividiron o centro urbano de Sada en dez zonas de intervención que abarcan toda a contorna urbana e as actuacións en todas elas realizaranse os luns, mércores e venres do mes de outubro. 

Unha vez rematado o centro urbano, “Sada Limpa” trasladarase aos núcleos e rueiros existentes nas distintas parroquias que conforman o Concello coa finalidade de estender o plan a todo o municipio. 

O Concelleiro de Obras e Servizos, Fernando Fariña, quere destacar que “esta é a fase inicial dun plan que se executará dúas veces ao ano (outono e primavera) sempre buscando mellorar os resultados obtidos e sempre co obxectivo de conseguir unha optimización dos distintos espazos públicos do Concello”.