Sada | Unha ‘gran’ festa en Mosteirón terminou cunha nova traxedia na estrada

2 minutes read

Calcúlase que máis de dez mil persoas asistiron este venres ás festas de Mosteirón, no concello coruñés de Sada. Miles e miles de mozos déronse cita no campo da festa para gozar do bo tempo, as ganas de saír e as actuacións do Grupo Tania Veiras e da Orquestra Panorama. Todo transcorreu con normalidade, a pesar dos momentos de abafo polo exceso de público concentrado no campo da festa habilitado para a ocasión, que quedou moi pequeno, máis se cabe cunha pouco útil reorganización do tráfico rodado que en ocasións estivo colapsado por períodos de tempo superiores á media hora.

Momento da actuación este venres da Orquestra Panorama en Mosteirón-Sada.

Houbo algunha que outra pelexa, por sorte nada grave, e varios comas etílicos, nada impropio da época, pero a nota máis triste do que debería ser unha velada de festa por milleiros púxoa un aviso ás 112 Emerxencias Galicia ás 3:15 horas e que daba conta dun accidente grave no lugar de Tarabelo, no quilómetro 4 da estrada DP-5813.

Segundo a información recollida no Centro Integrado de Atención ás Emerxencias de Galicia, un vehículo no que viaxaban tres persoas saíuse da vía e envorcou no medio da calzada. Ao lugar foron mobilizados Urxencias Sanitarias de Galicia, Bombeiros de Betanzos, Servizo Municipal de Protección Civil, axentes da Policía Local e Garda Civil de Tráfico. Nada puideron facer por salvar a vida do condutor do turismo de nacionalidade uruguaia, que, segundo o 112, estaba parcialmente fora do vehículo, accesible, pero ‘nunha posición complexa’. Con el viaxaban dous ocupantes, un home e unha muller, ambos resultaron feridos leves e foron trasladados ao Complexo Hospitalario da Coruña. A estrada, que une Sada con Oleiros, permaneceu pechada dúas horas mentres se retiraba o vehículo e o tráfico tivo que ser desviado polo tramo alternativo de Meirás.

Lugar do accidente mortal_RTSU Coruña.