O contrato pretende garantir o servizo fundamental que prestan na actualidade os helicópteros Pesca 1, con base en Vigo, e Pesca 2, con base en Celeiro e ten como finalidade blindar un servizo esencial que exixe operatividade as 24 horas e os 365 días do ano e un tempo de resposta ante calquera emerxencia de 10 minutos, fundamental para salvar vidas tanto no litoral da comunidade como en zonas do interior de difícil acceso.
A licitación realízase por un período inicial de catro anos (2023-2027) e por un importe global de preto de 45 millóns de euros. Non obstante, hai posibilidade de prórroga e tamén de incremento das horas de voo por circunstancias excepcionais, polo que o valor estimado do contrato ascende a preto de 58 millóns de euros contabilizando os cinco exercicios, desde o actual ata 2028.
O obxectivo é que o novo contrato entre en vigor o 1 de novembro deste ano -o que está vixente extínguese o 31 de outubro- e que se estenda ata o 31 de outubro de 2027, ou de 2028 en caso de que se execute a posibilidade de prórroga.
Os requisitos exixidos ás empresas candidatas promoven o desenvolvemento dos labores de salvamento nas costas de Galicia con aeronaves modernas e dotadas das últimas tecnoloxías. Ademais de requirir as características técnicas máis avanzadas -como unha velocidade máxima igual ou superior aos 150 nós, un peso máximo de despegue igual ou superior a 6.400 quilos, capacidade para catro tripulantes e 10 náufragos ou unha potencia de despegue superior á dos modelos actuais-, o concurso outorga puntos adicionais polo emprego de helicópteros construídos despois do ano 2015.