Sae á contratación en Oleiros a obra do túnel e da glorieta en Sol y Mar


Despois de anos de loita do Concello de Oleiros para lograr que o Ministerio de Fomento realizara a obra de mellora do cruce de Sol y Mar, na N-VI ao seu paso por Perillo, ven de publicarse no Boletín Oficial do Estado o anuncio de licitación desta obra. O importe ascende a 12,5 millóns de euros e o prazo de execución é de 34 meses.

Desde o ano 2004, o Concello de Oleiros estaba a reclamar esta actuación ao Ministerio de Fomento para que se construíra un túnel e unha rotonda na superficie para axilizar o tráfico neste punto dunha das estradas de máis tráfico de toda Galicia. A última das reivindicacións realizadas polo alcalde, Ángel García Seoane, foi unha acampada neste punto, o pasado 13 de novembro, para demandar ao Ministerio a contratación desta obra e outras que levan anos esquecidas polo distintos Gobernos de Madrid.