Sae a licitación o primeiro Plan de Saúde Mental do Concello da Coruña

1 minutes read

A plataforma de contratación do Estado abriu o proceso para licitar a redacción do primeiro Plan Municipal de Saúde Mental do Concello da Coruña, que nace froito do acordo entre o Goberno municipal e a Marea Atlántica para a aprobación dos Orzamentos 2022. Trátase dun programa que contempla a prevención, a promoción e a atención á saúde mental desde unha perspectiva de proximidade, e que porá á Coruña na vangarda das políticas sociais en Galicia. 

A licitación do proxecto está dotada con 104.000 euros e ten un prazo de elaboración de dez meses. Esixe a implicación de profesionais do eido sociosanitario, da Socioloxía e do Dereito. A atención á saúde mental da poboación está a converterse nunha prioridade para as institucións públicas, impulsada mesmo desde a Unión Europea, ao tempo que se detecta un aumento na prevalencia da depresión, a ansiedade, o estrés e outras doenzas. Por iso, o Concello da Coruña implícase neste ámbito.