Salto masivo no valo de Melilla, que separa España de Marrocos


Nova entrada masiva de inmigrantes de maneira irregular en España. Polo menos 238 persoas de orixe subsahariana saltaron o valo fronteirizo da cidade autónoma de Melilla, no norte de África. Máis de 300 tentárono, nunha das maiores incursións dos últimos anos.

Tres policías resultaron levemente feridos, así como varios inmigrantes, que chegaron ao Centro de Estancia Temporal de Inmigrantes (CETI) de Melilla correndo e gritando «asilo», entre mostras de xúbilo. Alí permanecen en corentena, seguindo o protocolo sanitario.

Este salto masivo no valo de Melilla prodúcese dous meses despois da onda migratoria sen precedentes á que se enfrontou a cidade autónoma española de Ceuta e que desatou unha crise diplomática entre Madrid e Rabat.