Samsung tampouco irá ao Mobile World Congress de Barcelona


Tras a caída de xigantes como Google e Intel, chega a de Samsung. O fabricante de móbiles renuncia a realizar exhibicións en persoa na feira de tecnoloxía de Barcelona.

A vacinación está en marcha, pero o virus aínda non se foi e segue causando estragos nos hospitais. Aínda así, a axenda de eventos vai tomando forma despois dun ano de cancelacións e reunións telemáticas. O Mobile World Congress celebrarase do 28 de xuño ata o 1 de xullo en Barcelona.
Samsung é a última das grandes empresas tecnolóxicas que reducirá a súa presenza na feira. Informaron que non realizarán exhibicións en persoa polo risco que aínda supón o coronavirus. Aínda así, non descartan participar nalgún evento de forma telemática.

Isto implica que Samsung non terá un espazo dedicado á súa marca para mostrar os produtos máis novos e os asistentes non poderán coñecelos e probalos. «A saúde e seguridade dos nosos empregados, socios e clientes é a nosa prioridade número un, polo que tomamos a decisión de retirarnos da exhibición en persoa no MWC deste ano» explicaron.