Sánchez ‘acata’ pero ‘non comparte’ a decisión do Constitucional

1 minutes read

Choque institucional e acusacións cruzadas. Por primeira vez na historia da democracia española, o Tribunal Constitucional paraliza unha lei en plena tramitación parlamentaria.

O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, avanzou este martes que o Executivo tomará «cantas medidas sexan precisas» para poñer fin ao bloqueo do Tribunal Constitucional (TC) e o do Consello Xeral do Poder Xudicial (CGPJ), do que culpou ao PP. Na súa opinión, a decisión do órgano de garantías de paralizar a tramitación parlamentaria das dúas emendas incluídas na reforma do Código penal «non ten precedentes», nin na historia da democracia española nin o resto de países europeos.

A reacción do xefe do Executivo chega despois dunhas horas de vertixe. A última hora deste luns, o Tribunal Constitucional decidiu paralizar a tramitación parlamentaria das dúas emendas incluídas na reforma do Código penal, que derroga o delito de sedición e toca o de malversación, polas que se modifica o sistema de elección dos candidatos ao tribunal de garantías que debe nomear o CGPJ, aprobadas polo Congreso a pasada semana e pendentes de votarse no Senado este xoves.

En palabras de Sánchez, esta situación «inédita» ten a súa orixe «na decisión que o principal partido da oposición, o Partido Popular, adoptou cando perdeu as eleccións e decidiu incumprir co mandato constitucional». Sánchez referiuse así ao bloqueo que se remonta a decembro de 2018 no caso do CGPJ e ao mes de xuño deste ano para o Constitucional, que na súa opinión ten «como único propósito» manter «unha composición anterior e máis favorable para a súa orientación».