O candidato da moción de censura de Vox, o economista Ramón Tamames, presentou o seu proxecto para España nun discurso no que debullou os motivos polos que Pedro Sánchez, ao que acusou de «asaltar as institucións» e non «respectar a separación de poderes», debe deixar de ser o presidente do Goberno. Chamou a un gran pacto entre os partidos constitucionalistas que permita un paquete de medidas económicas e sociais para o «avance do país», unha nova Lei Electoral que evite «o sobrepeso da representación nacionalista e separatista» nas grandes decisións do Parlamento e do propio Goberno da Nación e un acordo nacional» para recuperar» a concordia, a paz e o entendemento entre os españois.
Abascal criticou ao PP e ao líder da oposición Alberto Núñez Feijóo por non asistir ao debate desta moción de censura no Congreso e por desacreditala nos medios de comunicación. Abascal pide ao PP «que recupere a sensatez e a seriedade», que abandone «cálculos, medos e medias verdades» e que apoie esta moción de censura para facer «borrón e conta nova» a acabar «co peor goberno en décadas».
Tras Abascal, tomou a palabra o presidente do Goberno Pedro Sánchez. Critica que se «esconda» tras a figura do candidato da moción Ramón Tamames. Sánchez acusa a Abascal de «anunciar a apocalipse» e de montar un «show parlamentario». Asegura que o único que achega Vox á política española é «un plus de brutalidade». Criticou a súa postura durante a pandemia e os ataques ao movemento feminista. Ínstao a pedir perdón ás ministras de Unidas Podemos, Irene Montero e Ione Belarra, ás que chamou «tolas» e esíxelle que retire inmediatamente os insultos que verteu contra elas.
Sánchez a Vox: «Son o glutamato da dereita, un simple potenciador do sabor extremo e radical».
Sánchez cualifica a moción de censura de «destrutiva» e de «terra queimada». Asegura que non está xustificada e pregúntase «cales son as razóns» para recorrer a este mecanismo. Cre que o que motiva aos de Abascal a rexistrala é «frear por calquera medio as políticas de renovación do goberno progresista».
O presidente afirma que o proxecto de país que defende Vox non é o que precisa España e acusa a este partido de ir «contra a convivencia entre españois».
Cre que a abstención do grupo popular nesta moción será «un pago en diferido» e advírtelle aos de Feijóo que «máis pronto que tarde a ultradereita virá esixirlles un pago en diferido para saldar as débedas».