Sánchez anuncia 720 M€ para sustentabilidade turística e un Plan Nacional de Turismo Gastronómico


O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, anunciou na 42ª edición da Feira Internacional de Turismo (FITUR) a aprobación en marzo da segunda convocatoria do Plan de Sustentabilidade Turística en destino con 720 millóns de euros: «É a máis clara confirmación de que a execución dos fondos europeos por parte do Goberno segue o rumbo marcado, desenvolvendo a transformación do sector», afirmou.

Xunto a iso, o xefe do Executivo destacou que, dentro do programa de sustentabilidade turística para 2022, o Goberno vai lanzar o Plan Nacional de Turismo Gastronómico, dotado con 65 millóns de euros. «Creo que, entre todas as institucións, entre todas as administracións, tamén coa colaboración do sector privado, podemos dar ese salto de calidade, de modernización para a nosa economía e tamén para o emprego», sostivo Sánchez.

Ademais destacou a distribución de 45 millóns de euros a destinos do Camiño de Santiago e o investimento de máis de 27 millóns de euros na recuperación do turismo na illa da Palma a través do Plan A Palma Renace, que conta cun programa de bonos turísticos ou axudas á conectividade para incentivar as viaxes á illa durante todo o ano 2022.