Sánchez defende a amnistía pola ‘convivencia e o perdón’ fronte aos ‘profetas do odio’

O presidente do Goberno en funcións e candidato á investidura, Pedro Sánchez, defendeu os logros “incuestionables” do seu Executivo e pediu a confianza ao Congreso dos Deputados para reeditar “catro anos máis de estabilidade, de convivencia e progreso”. Tamén defendeu a amnistía aos implicados no ‘procès’ como unha “mostra de fortaleza” da Constitución e un modo de “impulsar convivencia e perdón”. E advertiu contra unha “dereita reaccionaria” e “involucionista” que só promove “resentimento e odio” e instiga a “rabia social”.

Precisamente, Sánchez iniciou a súa intervención no primeiro día do debate do pleno de investidura mostrando o seu “respeto” e “recoñecemento” ás persoas que se manifestaron nos últimos días contra a amnistía convocados por PP e Vox de forma “libre e lexítima” pero, sobre todo, de forma “pacífica”. E é que nas últimas semanas, algúns radicais protagonizaron disturbios violentos na sede do PSOE en Ferraz durante as protestas. Sánchez lembrou que a “forma superior” de exercer a democracia é votar nas eleccións, como as do pasado 23 de xullo, e que a súa investidura será resultado da “vontade do pobo español a través dos seus representantes”. 

Alberto Núñez Feijóo chamou a «acender todas as alertas democráticas» ante un candidato ao que acusou de «corrupción política» e de «humillarse a si mesmo e humillar ao seu partido» por pactar unha amnistía con ERC e Junts, ante os aplausos constantes da súa bancada, que lle corearon ao termo da súa intervención con berros de «presidente, presidente». Feijóo chegou a dicir que Sánchez ten unha «patolóxica ambición» e que está disposto a todo para manterse no poder, para acusarlle tamén de cambiar o modelo autonómico «pola porta de atrás» e consumar «o maior retroceso dos cidadáns» desde a Transición. Cre Feijóo que a investidura «nace dunha fraude», en referencia a unha amnistía «que non se votou nas urnas». Nun durísimo discurso centrado en exclusiva en atacar a Sánchez, acusoulle de «vender por un puñado de votos a súa dignidade», de perder » o pouco crédito que lle quedaba» e de estar ante un «delirio». 

O líder de Vox, Santiago Abascal, acusou a Pedro Sánchez de «preparar un golpe de estado» coa súa lei de amnistía e considerou que a súa investidura «é o fin da democracia», polo que o comparou con «os peores tiranos e criminais da historia», como «Hugo Chávez, Maduro ou Hitler».

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha