- O Executivo tamén poñerá á disposición das comunidades 2.000 militares de apoio durante o rastrexo de casos
O presidente do Goberno, Pedro Sánchez, defendeu este martes a actuación das comunidades autónomas, ás que ofreceu máis medios para loitar contra a situación actual, lembrándolles que poden solicitar a declaración do estado de alarma se iso favorece frear o coronavirus nos seus territorios.
Ao termo da reunión do Consello de Ministros, que analizou un informe actualizado do Ministerio de Sanidade sobre a situación actual da pandemia, o xefe do Executivo compareceu para lanzar unha mensaxe de alerta «porque a evolución é preocupante, especialmente nalgunhas zonas», pero tamén de serenidade «porque estamos lonxe da situación de marzo, e non debe producirse un medo que nos paralice e nos impida actuar».
Reforzo para as comunidades autónomas
Sánchez recoñeceu o esforzo que están a realizar as comunidades autónomas, que son quen teñen a capacidade de xestionar a crise sanitaria en cada un dos seus territorios, e ofreceu reforzar o seu traballo con máis medios materiais, dixitais e xurídicos para dar unha resposta máis intensa e eficaz.
Unha das novas medidas que expón o Goberno é que as comunidades autónomas poidan solicitar a declaración do estado de alarma en todo ou en parte do seu territorio. Ademais, e co fin de mellorar a capacidade de rastrexo de casos, Sánchez comunicou que poñerá á disposición de todas as comunidades autónomas 2.000 militares formados nestas técnicas para poder actuar con máis rapidez.
Volta ao cole segura
O presidente tamén anunciou que o vindeiro xoves se celebrará unha Conferencia Sectorial Interterritorial entre os Ministerios de Educación e FP, Sanidade, e Política Territorial e Función Pública e os conselleiros de Educación e Sanidade das comunidades autónomas para coordinar o inicio do curso escolar: «Debemos propiciar unha volta ás aulas que garanta a máxima seguridade para os alumnos e alumnas, para o profesorado e para as familias. E, por suposto, que garanta á súa vez o aproveitamento do curso».
Sánchez subliñou que os centros educativos serán «seguros» e que a única folla de roteiro do Goberno de España e as comunidades autónomas, na que se traballa desde xuño -cando xa se aprobou a Guía de recomendacións sanitarias para un inicio de curso seguro-, é que «a volta ao cole» se inicie con normalidade.
Unidade fronte á emerxencia sanitaria, social e económica
O presidente advertiu de que o curso político que comeza desenvolverase baixo o signo da emerxencia, sanitaria, económica e social, e apelou á unidade das administracións, cos axentes sociais e entre as forzas políticas con representación parlamentaria como forma «imprescindible» para facerlle fronte.