Sánchez ofrece España como solución á dependencia enerxética


No panel sobre enerxía do foro de Davos, en Suíza, o presidente do Goberno, Pedro Sánchez, presentou a España como a resposta á dependencia enerxética de Rusia da Unión Europea. A industria regasificadora de España supón o 37% da capacidade total da Unión Europea e Sánchez recalcou que a pesar da importancia actual do gas, o futuro son as enerxías renovables. Na súa primeira intervención, Sánchez mostrou a súa solidariedade con Ucraína e defendeu a necesidade de “coidar ás democracias”, ademais de mostrar o seu apoio ao proxecto político e de defensa europeo. Ao longo do día, Pedro Sánchez tamén mantivo reunións cos consellos delegados de importantes grupos empresariais e tecnolóxicos como Intel, Micron Technology, Qualcomm ou Cisco.