O líder do PSOE, Pedro Sánchez, interveu este sábado no pleno do congreso que o Partido Socialista Europeo (PES) celebra en Málaga, unha cita coa que os socialistas queren marcar a liña política para as eleccións europeas de xuño de 2024 e que está marcada ademais pola recente dimisión do primeiro ministro de Portugal, Antonio Costa.
Sánchez foi recibido cunha forte ovación e berros de «Pedro, presidente» con todos os participantes en pé aplaudíndolle e coreando o seu nome. Alí acusou ao partido de Alberto Núñez Feijóo de ser «unha dereita desnortada, desbordada, incapaz de plantar cara á dereita máis reaccionaria» de Vox e pediulle «cordura e mesura» porque «avanza nunha senda reaccionaria cara ao abismo», ademais de esixirlle que acepte «a lexitimidade do goberno que se formará pronto en España».
A escasos días de volver ser investido presidente do Goberno, Pedro Sánchez, augurou unha «lexislatura de estabilidade» e de «convivencia institucional» e cargou moi duramente contra unha «dereita tradicional», en relación ao PP, «parasitada por unha ultradereita» que «exhibe símbolos e proclamas dun pasado que pensabamos superado», concluíu.