Sandra Insua defende en Madrid aos mariñeiros de Camariñas fronte ás novas normativas europeas

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, converteu este mércores a presentación do municipio na Feira Internacional de Turismo (FITUR) en Madrid, nunha tribuna para a defensa do sector primario local. Durante o acto celebrado no stand de Turespaña, un escenario clave para a proxección internacional, a rexedora interrompeu o discurso promocional turístico para lanzar unha mensaxe de apoio firme aos armadores e mariñeiros da localidade fronte aos recentes controis impostos por Bruxelas á flota artesanal.

No marco da presentación da campaña turística para 2026 —centrada no paraíso natural de Trece, Reira e Vilán— e do cartel da XXXV Mostra do Encaixe de Camariñas Deputación da Coruña, Insua quixo lembrar que a paisaxe do concello non se entende sen o esforzo da súa xente do mar.

A rexedora fixo referencia directa á manifestación celebrada este pasado luns en Madrid, onde o sector pesqueiro protestou contra medidas como a obriga de pesar e rexistrar as capturas a bordo ou de notificar a chegada a porto con catro horas de antelación. Alí, chegaron a un acordo para flexibilizar estas medidas e a rexedora agarda que a palabra dada chegue a bo porto. “Agardo que, tal e como se acordou, rectifiquen este sen sentido e cumpran co prometido”, indicou.

«Porque falar do mar en Camariñas non é só falar de paisaxes idílicas, é falar de vida e sacrificio», asegurou Insua ante as autoridades e medios presentes. A alcaldesa cualificou as normativas comunitarias como unha mostra de «descoñecemento da realidade da flota artesanal» e foi contundente respecto á seguridade dos traballadores: «Non podemos esquecer onde estamos: Camariñas é Costa da Morte. Cando hai temporal, con olas de seis ou sete metros, obrigar a un barco a esperar catro horas na boca da ría para poder entrar a porto é poñer en xogo as súas vidas».

Unidade na defensa dos veciños

Sandra Insua recalcou que o Concello de Camariñas está ao lado dos seus veciños nesta reivindicación, lembrando que a corporación facilitou o desprazamento dos mariñeiros ás protestas na capital. «Na defensa dos nosos veciños non hai cores políticos; a nosa obriga é estar ao seu lado, apoiando a súa seguridade e o seu futuro», sentenciou.

A intervención da alcaldesa foi o preámbulo á proxección do vídeo promocional deste ano, que pon en valor a bravura do mar e a beleza da contorna de Cabo Vilán, servindo a reivindicación política para subliñar o carácter indómito e auténtico do territorio camariñán.

Related posts

O Concello de Carballo destinará 11,2 millóns de euros ao servizo externo de axuda no fogar nos próximos 5 anos

Ponteceso pecha a súa Campaña de Comercio entregando un lingote de ouro de 1.500 euros como premio final

O BNG da Laracha esixe información e transparencia sobre o proxecto dunha central hidráulica reversible en Montemaior