Sandra Insua reafirma o apoio da Deputación para a licitación do Centro de Día no 2020

1 minutes read

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, e o seu equipo de goberno, mantiveron unha reunión co presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, na que o mandatario do ente provincial reafirmou o apoio da administración que dirixe para a construción do Centro de Día de Camariñas.

González Formoso comprometeuse a incluír nos orzamentos da Deputación para o ano 2020 unha partida de 360.000 euros para esta actuación. O Concello de Camariñas dispón dunha memoria que valora en 540.000 euros os traballos polo que, tanto desde a Deputación como desde o propio Concello, faise un chamamento á Xunta de Galicia para que se involucre nun proxecto que debería ser da súa competencia.

Sandra Insua aproveitou para amosar o seu descontento coa política da Xunta neste ámbito xa que «mentres que continuamente nega o apoio a Camariñas, si que se compromete a financiar o centro de día noutros municipios». A rexedora anunciou que pedirá nas vindeiras datas unha reunión coa conselleira de Política Social, Fabiola García, para pedir explicacións e solicitar o apoio do ente autonómico.

Insua tamén explicou que nos próximos meses estará elaborado o proxecto para poder iniciar a comezos de 2020 as expropiacións necesarias no terreo disposto polo Plan Xeral para a construción do Centro de Día.