- Os últimos temporais aceleraron a erosión dos taludes que protexen as vivendas da Avenida da Coruña da acción do mar
Este mércores o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, visitou por primeira vez a localidade de Camariñas; unha ocasión que aproveitou a rexedora, Sandra Ínsua, para solicitar que se busque de xeito «urxente» unha solución á problemática da inexistencia dun paseo marítimo en Area da Vila que poida protexer ás vivendas alí situadas.
A alcaldesa ensinoulle a zona e explicoulle que, tras encargar a un enxeñeiro industrial e a unha xeóloga que visitaran o lugar para avaliar o seu estado, constatouse que os temporais do último inverno aceleraran o proceso de erosión dos taludes que protexen da acción do mar as vivendas da Avenida da Coruña e que agora corren perigo de derrubamento. Estes edificios atópanse en dominio público, o que dificulta a intervención. «Había un proxecto do ano 2010 para construír un paseo marítimo que agora é inviable porque a Lei de Costas prohibe este tipo de actuacións pero cremos que é necesario redactar un novo que ocupe a zona de servidume, onde os terreos xa están expropiados e á disposición de Costas», comentou Ínsua.
No mes de novembro de 2020, nunha reunión telemática co subdirector xeral para a Protección de la Costa, Ángel Muñoz Cubillo, o Concello xa amosara a súa preocupación polo estado dos edificios e pedira que se dese luz verde á redacción dun novo proxecto para executar a 2ª fase do paseo. En marzo deste ano, nunha xuntanza co xefe da Demarcación de Costas da Coruña, Rafael Eimil, o Goberno local volveu a transmitir a urxencia de executar este proxecto.
José Miñones comprometeuse a organizar no mes de setembro unha xuntanza con Costas para «estudar as posibilidades de darlle unha solución definitiva ao paseo marítimo e ao problema das vivendas»; un paseo, lembrou, que lle dará continuidade á senda que unirá as praias de Area da Vila e Lingunde.