Sandra Insua urxe á Xunta ‘reactivar o proxecto de prolongación da autovía ata Calo’

1 minutes read

A alcaldesa de Camariñas, Sandra Insua, reuniuse coa conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e aproveitou o encontro para urxir á Consellería “a reactivar o tan demandado proxecto de prolongación da autovía da Costa da Morte ata Calo”.

Insua lembroulle á conselleira que “xa van moitos anos de promesas incumpridas” neste sentido por parte do goberno autonómico e sinalou que “é unha infraestrutura esencial para mellorar a mobilidade dos nosos veciños e veciñas e tamén a competitividade das nosas empresas”.

Ademais, a rexedora tamén demandou que “se vaia completando, tal e como se deseñara e prometera no seu momento, o itinerario previsto para a autovía da Costa da Morte na súa totalidade”.

No encontro tamén se abordaron outros temas como o amaño da estrada AC-432 que une Camariñas con Vimianzo e que se atopa moi deteriorada, sobre todo tras os últimos temporales, e dalgúns tramos de vías antigas que aínda son propiedade autonómica como o da Ponte do Porto onde está o Taller Alvite, outro en Dor, no Ariño ou na curva do Rojo.