O grupo do Partido Popular no Concello de Muxía lembrou, a través da súa voceira e deputada autonómica, Sandra Vilela, que Portos de Galicia xa iniciou o proceso de licitación que permitirá o cambio das luminarias do porto deportivo, substituíndoas por outras de tecnoloxía LED.
A popular afirma lamentar que desde forzas políticas como o BNG se leven a cabo reivindicacións que tratan de “confundir” aos veciños. “Alegrámonos moitísimo de que outros se preocupen por temas nos que a Xunta xa leva tempo traballando e que pronto estarán solucionados”, dixo Vilela, quen pediu ás nacionalistas que se “informen convenientemente” de como están os asuntos do municipio antes de dicir nada.
Vilela aproveitou tamén para resaltar o compromiso tanto da Consellería de Mar como do seu ente Portos de Galicia co Concello de Muxía, unha realidade, dixo, que se reflicte en todas as melloras que se realizaron na zona portuaria nos últimos anos. Melloras, explicou a popular, como a cuberta da lonxa, as defensa do porto, a renovación do paseo marítimo ou a renovación de varandillas que supoñen un investimento total de 770.000 euros.