Sandra Vilela comprométese a mediar con Portos para reparar a lonxa de Muxía


A portavoz do Partido Popular de Muxía e candidata ás eleccións municipais que se celebrarán no mes de maio, Sandra Vilela, mantivo nos últimos días unha reunión de traballo cos representantes do Cabildo da Confraría de Muxía, na que se comprometeu a mediar con Portos de Galicia para conseguir que aprobe e que se poña en marcha un proxecto para reparar a lonxa do municipio se é elixida alcaldesa o 26 de maio.

No encontro, a candidata popular avanzou tamén a súa intención de conseguir un novo transformador para a fábrica de xeo, ademais de poñerse ao dispor do sector para traballar de maneira “conxunta” co obxectivo de desenvolver novos plans de explotación de recursos como o ourizo, a ameixa e o poliqueto.