A sanidade pública galega adapta xa os tratamentos dos pacientes psiquiátricos ao seu perfil xenético. Así se desprende do acto de clausura do XXIV Curso de Investigación en Psiquiatría, que contou coa intervención do conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña. Este evento tivo lugar no Hospital Álvaro Cunqueiro, organizado pola Asociación Galega de Psiquiatría, e ao mesmo tamén asistiu o xerente da área, Javier Puente.
“Queremos potenciar dende a Xunta diferentes eidos sanitarios que se aliñan coa Medicina 5P”, -dixo Comesaña-, que pasa por ser personalizada, preditiva, preventiva, participativa e poboacional, e na que a análise de datos clínicos, xenéticos, ambientais e de estilo de vida, permite deseñar tratamentos personalizados e adaptados ás necesidades específicas de cada paciente. Como exemplo puxo a Estratexia de Oncoloxía de Precisión, que esta mesma semana presentou a Xunta, “aínda que tamén na psiquiatría estamos a facer medicina personalizada”, -sinalou o conselleiro-.
Na súa intervención no acto, o máximo responsable do Sergas referiu que a Fundación Pública de Medicina Xenómica, que lidera Ángel Carracedo, colabora no Plan de Saúde Mental 2020-2024 posto en marcha pola Xunta, “coa elaboración dun estudo a través da análise farmacoxenética de pacientes a tratamento con determinados fármacos, para contribuír a axustar as doses e evitar reaccións adversas”.