Sanidade afirma que xa vacinou contra a covid ao 87% das persoas maiores de 80 anos


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou este mércores que 203.596 persoas maiores de 80 anos xa foron vacinadas en Galicia, unha cifra que representa o 87% deste grupo de poboación, e que está previsto chegar durante esta semana ao 90% de persoas vacinadas neste tramo de idade. Ademais, apuntou que, na actualidade, o 2,63% das persoas maiores de 80 anos rexeitaron recibir a vacina.

O conselleiro tamén lembrou que hai “entre un 7 e un 8% de persoas que pertencen a outros grupos de poboación que non recibiron a súa vacina cando se lles citou, ben por non poder desprazarse, ou por outros motivos xustificados”. Sobre este particular, salientou que “todas elas volverán a ser convocadas para acudir á vacinación no seu centro de saúde, ou ben, para seren vacinadas nos seus domicilios, no caso de ter problemas de mobilidade”.

Durante a rolda de prensa na que a Administración sanitaria informa das decisións adoptadas polo comité clínico, o titular da carteira sanitaria galega subliñou que “Galicia transita por unha situación epidemiolóxica estable” pero que “é preciso seguir a traballar, pois aínda queda moito camiño por percorrer”.