Con motivo do Día Mundial contra o Cancro de Colon, que se celebra este venres, lembra á poboación galega a importancia de participar no conxunto de programas de detección precoz que, anualmente, organiza a Consellería de Sanidade, a través da Dirección Xeral de Saúde Pública.
No caso do programa de detección precoz do cancro colorrectal, desde a súa posta en marcha no ano 2013, e ata 2021, o departamento sanitario da Xunta enviou máis 1,5 millóns de invitacións para participar no mesmo, entregando ademais, unha cifra que supera xa os 700.000 tests.
Durante ese período de tempo, o Servizo Galego de Saúde realizou máis de 40.000 colonoscopias, o que permitiu diagnosticar 16.783 casos cunha lesión que requiría de vixilancia endoscópica, e 1.970 cancros invasivos (o 66 % en estadios precoces).
A elevada porcentaxe de cancros que se diagnostican en estadios precoces permite un mellor prognóstico dos mesmos, e posibilita acadar unha maior supervivencia, e menor mortalidade. Así, a proba de confirmación diagnóstica -colonoscopia-, permite identificar e extirpar lesións precursoras, tendo un impacto importante na incidencia da enfermidade, ao evitar o desenvolvemento de novos cancros.
A Dirección Xeral de Saúde Pública anima a participar neste programa poboacional de cribado a toda a poboación de 50 a 69 anos, e de xeito moi especial aos homes maiores de 60 anos, pois son o segmento de poboación que menos participa e que maior risco ten; sendo polo tanto, o grupo de persoas que máis se pode beneficiar deste programa poboacional de detección precoz.