O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinou seis convenios de colaboración con outras tantas asociacións sen ánimo de lucro, para o desenvolvemento de programas de asistencia a pacientes con trastornos adictivos, por un importe de 5.810.472 euros. Durante o pasado ano 2020, foron atendidas, ao abeiro destes convenios, preto de 13.000 persoas.
En concreto, as entidades destinatarias das axudas son a Asociación Cidadá de Loita contra a Droga ACLAD, que recibe 1.675.458 euros; a Asociación Ferrolá de Drogodependencias (ASFEDRO), con 928.435 euros; a Asociación Cidadá de Loita contra a Droga Alborada de Vigo, con 1.491.986; a Cruz Vermella de Lugo, con 617.400; a Fundación Monte do Gozo, con 946.589 euros e a Asociación Érguete con 150.604 euros.
Os programas subvencionados teñen en conta os aspectos necesarios para dar resposta ás necesidades dos colectivos máis vulnerables, atendendo á perspectiva de xénero, ás necesidades específicas das mulleres que padecen este tipo de patoloxías, e darase unha resposta máis completa ás necesidades das persoas que padecen patoloxía dual.