Sanidade crea o comité clínico de cirurxía robótica para coordinar a utilización dos Da Vinci

O Diario Oficial de Galicia (DOG), publicou a orde pola que se crea e regula o Comité Clínico de Cirurxía Robótica, que se encargará da coordinación e o seguimento dos novos robots Da Vinci, cos que conta o sistema sanitario público galego.

A recente adquisición por parte do Servizo Galego de Saúde de sete robots Da Vinci, emprazados en cada un dos hospitais de referencia das sete áreas sanitarias, supón un fito importante para a organización sanitaria galega, ao dotar os centros da última tecnoloxía en robots cirúrxicos.

Así, a súa posta en marcha nos centros precisa da creación dun comité clínico multidisciplinar que organice o seu funcionamento. A orde publicada hoxe regula a súa natureza xurídica e adscrición do Comité Clínico de Cirurxía Robótica, a súa composición e funcións, e as normas básicas de funcionamento

O Comité estará integrado por 18 persoas, que se distribuirán nunha presidencia, unha vicepresidencia, unha secretaría, e 15 vogalías. A presidencia do Comité recaerá no director xeral de Asistencia Sanitaria, Jorge Aboal Viñas.

Así mesmo, e ademais da vicepresidencia e a secretaría, os restantes membros que integrarán o Comité de serán dúas persoas da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria; unha da Dirección Xeral de Recursos Económicos; sete membros propostos por cada unha das xerencias das sete áreas sanitarias que teñan funcións de organización das cirurxías; catro representantes de cada área cirúrxica que realizarán a maior parte da actividade con robots –cirurxía xeral, xinecoloxía, uroloxía e otorrinolaringoloxía–; e unha persoa de Enfermería da área designada pola Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria.

Entre as funcións do Comité Clínico de Cirurxía Robótica atoparanse: asesorar a dirección xeral competente do Sergas sobre a actividade asistencial vencellada á cirurxía robótica; propor criterios comúns para a elaboración de protocolos de actuación; propor as medidas de mellora da organización, funcionamento e calidade no uso dos robots; coñecer e emitir informes dos obxectivos asistenciais, de calidade, docentes e de investigación do uso dos robots, así como calquera outra cuestión que afecte a prestación, promover estratexias formativas no uso destes equipamentos para os profesionais, propor e coordinar o sistema de información que permita o seguimento desta prestación, detectar as dificultades que puidesen xurdir na realización da actividade e resolver as dúbidas sobre a súa aplicación e interpretación e, finalmente, servir de canle permanente de colaboración, comunicación e información entre os distintos hospitais e outros axentes implicados na xestión da prestación.

Related posts

O Punto Rojo ponse en marcha en Baio con descontos, premios, moita actividade nas rúas e unha ruta de tapas

Rosa Otero recoñecida como Filla Adoptiva da Coruña

Aberto o prazo de inscrición no programa de voluntariado xuvenil da Laracha