O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, asinou este venres, coa presidenta do Colexio Oficial de Farmacéuticos da provincia da Coruña, Sara Catrain González, un convenio de colaboración entre a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) e o colexio, para a difusión de información e o fomento da doazón de sangue, órganos e tecidos entre a poboación da provincia da Coruña, co fin de contribuír a garantir a cobertura das necesidades hemoterápicas aos centros sanitarios galegos e a doazón de órganos e tecidos.
O colexio de farmacéuticos coruñés poñen a disposición da axencia de doazón a posibilidade de difundir, a través das oficinas de farmacia desta provincia, e das canles de comunicación de que dispón, tanto dixitais como en soportes físicos, a información sobre as actividades de ADOS. Estas actividades de difusión de información e fomento, serán realizadas atendendo ao criterio de cada titular de oficina de farmacia.
Pola súa banda, a Axencia de Doazón Galega colaborará co colexio compartindo material promocional do que dispón para a realización de tarefas de divulgación e información. A duración do convenio terá unha vixencia de catro anos.
No acto de firma estiveron presentes, así mesmo, o delegado territorial da Xunta, Gonzalo Trenor, e a directora da Axencia Galega de Doazón de Órganos e Sangue, Marisa López.