Sanidade eleva ao 75% os aforos nas terrazas en concellos como Carballo ou A Laracha

1 minutes read
  • O comité estende as restricións de aforos ao Concello de Pontevedra e redúceas en Santa Comba, Arteixo e barrios da Coruña

O Goberno galego acordou este mércores estender a toda Galicia o uso obrigatorio de máscara nos ximnasios e elevar do 50% ao 75% os aforos en terrazas naquelas zonas con restricións especiais como Carballo, A Laracha, Santiago, Ourense ou o concello de Lugo, cuxos datos na Milagrosa permiten ao barrio volver ao mesmo nivel de restricións que o resto da cidade.

O presidente da Xunta tomou estas medidas despois de reunirse co comité clínico de expertos sanitarios que asesora ao Executivo galego na xestión da crise da Covid-19, no que un dos puntos centrais que se abordou foi a situación dos centros sociosanitarios.

Así mesmo, o comité tomou a decisión de incorporar os concellos de Pontevedra e Ponteceso dentro das zonas con especiais restricións. E á vista da evolución dos datos, acordou levantar as limitacións nos concellos de Santa Comba, Arteixo e nalgúns barrios da Coruña onde a afectación ten baixado e a evolución é boa.

Ademais do aforo do 75% en terrazas, cómpre recordar que entre as medidas que teñen que adoptar os concellos con especiais restricións atópase a limitación dos aforos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais está prohibido o consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros; a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública fixado nun máximo de 10 persoas; así como a redución dos aforos en celebracións, velorios e lugares de culto, ademais do peche dos centros de día e residencias.