Sanidade eleva ao nivel 3 as restricións no concello do Carballiño

Terraza dun bar

  • No nivel 2 continúan os concellos de Santiago, Ames (Milladoiro), Lugo, Pontevedra, Sanxenxo ou Cambados.

A Consellería de Sanidade decidiu elevar o nivel de restricións no concello do Carballiño e aplicarlle as medidas do nivel 3, despois de reunirse este venres co subcomité clínico para facer un seguimento da evolución da Covid-19 en Galicia.

Deste xeito, aumentan as restricións xa existentes no concello e estará prohibido que bares e cafeterías poidan servir no interior, limitándose a atender nas terrazas a grupos de 5 persoas. Os restaurantes poden servir no interior a un máximo de 5 persoas por mesa.

Estas medidas publicaranse este venres no DOG e entrarán en vigor dende esta medianoite. Así, Ourense, Barbadás e O Carballiño entrarán no nivel 3, coas restricións de hostalería anteriormente ditas, ademais da prohibición de xuntanzas de persoas non convivintes e engadindo a redución da mobilidade nos concellos de Ourense e Barbadás.

No nivel 2 de restricións continúan os concellos de Santiago, Lugo, Pontevedra, Ortigueira, Vilagarcía de Arousa, Vilanova de Arousa, Meis, Poio, Marín, Cambados, Sanxenxo e as comarcas de Allariz, Ourense (agás concello de Ourense e Barbadás), O Ribeiro, O Carballiño (agás concello do Carballiño), Verín e Valdeorras, así como no Milladoiro (Ames).

Entre as restricións xerais deste nivel destacan a limitación dos aforos ao 50% nos establecementos comerciais, de restauración e hostalería -onde ademais estará prohibido o consumo en barra-, así como en bibliotecas, academias, autoescolas e centros privados de ensino non regrado entre outros. Tamén se establece a limitación do número máximo de persoas nas xuntanzas tanto privadas como na vía pública, fixado nun máximo de 10 persoas.