Sanidade establece o nivel 2 e limita as reunións a cinco persoas


A Consellería de Sanidade anunciou este martes o establecemento do nivel 2 de restricións en toda Galicia, onde ademais limitaranse as xuntanzas a grupos dun máximo de 5 persoas. Isto implica outras medidas como a prohibición de consumir nas barras dos locais de hostalería, cunha ocupación interior do 50 por cento e das terrazas ao 75 por cento, e unhas celebracións que por forza deberán ser máis reducidas. As vodas non poderán reunir a máis de 50 persoas en espazos pechados e 100 ao aire libre. Os lugares de culto deben reducir a súa capacidade ao 50 por cento. Os velorios xuntarán como máximo a dez persoas en espazos pechados e 25 en abertos. E os enterramentos ou cremacións só poderán reunir a 25 persoas entre familiares e achegados. Os locais comerciais deben limitar a súa ocupación ao 50 por cento. Nos centros comerciais non se permitirá a permanencia dos clientes nas zonas comúns, máis que para o tránsito, e neles non se poderá usar as zonas recreativas. Os mercados ao aire libre só poderán ter o 50 por cento dos postos. Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas deste xoves, logo de saír publicadas este mércores no Diario Oficial de Galicia.