A Consellería de Sanidade, vén de habilitar unha nova modalidade para obter o certificado de vacinación covid-19, a través do número de teléfono 900 400 116.
Deste xeito, as persoas que así o desexen poderán solicitar o seu documento oficial de vacinación por medio dunha chamada telefónica, tras a que recibirán unha mensaxe SMS cunha ligazón na que estará dispoñible o seu certificado para descargar.
Esta nova opción engádese ás xa existentes até o de agora: a través do portal E-Saúde do Servizo Galego de Saúde, por medio das aplicacións Sergas Móbil e Passcovid, ou ben, solicitando a súa impresión nas oficinas de farmacia galegas.
Na actualidade, un total de 383.282 persoas xa contan co certificado galego de vacinación. Así mesmo, e no que atinxe aos diferentes certificados europeos vencellados á covid, 426.984 persoas descargaron o certificado de vacinación comunitario –dos que 249.942 se expediron pola vía dixital-; 4.998 persoas solicitaron o certificado de recuperación, mentres que 2.325, descargaron o certificado de probas europeo.