- Prohíbense as xuntanzas entre non conviventes de dúas a seis da madrugada
O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou esta mañá en rolda de prensa das novas medidas acordadas polo comité clínico. Entre estas destacan as novas restricións na hostalería e ocio nocturno, así como as limitacións entre persoas non conviventes de 02:00 a 06:00 horas.
Restricións na hostalería e ocio nocturno
Os establecementos hostaleiros como bares e restaurantes deberán pechar ás doce da noite excepto os venres e sábados, que poderán abrir ata a unha da madrugada, ao igual que en Noitevella. Como excepción, ningún local destas características poderá abrir ao público antes das dez da mañá do día 1 de xaneiro. Tamén queda prohibido o consumo en barra.
En canto ao ocio nocturno, o peche producirase ás tres da mañá como máximo. Así o acordaron representantes da Xunta e do sector nunha xuntanza durante a tarde deste martes. Os negocios poderán elixir entre abrir do 30 de decembro ao 2 de xaneiro, ambos incluídos, ou optar a unha liña de axudas con distintos tramos en función dos metros cadrados de cada local.
Toque de ‘non queda‘
Tras a reunión do comité clínico, a Xunta decidiu recuperar unha medida xa coñecida en Galicia: a limitación horaria nas xuntanzas entre non conviventes. Así, queda prohibido estar pola rúa entre as dúas e as seis da madrugada se non se fai de forma individual ou con membros da mesma unidade familiar.
Ceas Noitevella e Cabalgata de Reis
Respecto das ceas e comidas do último día do ano, Sanidade recomenda xuntanzas cun máximo de dúas unidades familiares e, preferiblemente, que sexan as mesmas do día de Nadal. No caso de levarse a cabo en lugares públicos, establécese o límite de 8 persoas na mesma mesa en interior, e un máximo de 10 no exterior.
En canto ás cabalgatas do Día de Reis, García Comesaña precisou que é necesario minimizar as posibles aglomeracións, ademais de recomendar que esta sexan estáticas.
Estas medidas entrarán en vigor na noite do 30 ao 31 de decembro e manteranse, nun principio, ata o 18 de xaneiro.