Sanidade lembra a importancia da prevención no Día mundial contra o cancro


Con motivo do Día mundial contra o cancro que se celebra este xoves, a Consellería de Sanidade lembra a importancia da prevención na loita contra a enfermidade e destaca atención aos pacientes oncolóxicos como unha das liñas prioritarias de actuación no Servizo Galego de Saúde.

Desde a entrada en vigor do Decreto de tempos máximos, en xaneiro de 2018, o Sergas garante de forma individual, a cada paciente, unha resposta asistencial nos prazos máximos legalmente establecidos, tanto para intervencións cirúrxicas, como para consultas externas, e probas diagnósticas ou terapéuticas. Polo de agora un total de 128.647 persoas beneficiáronse desta garantía establecida no Decreto, 39.445 delas en 2020. Cómpre subliñar que todos estes casos obtiveron resposta dentro da rede pública do Sergas, e ningún tivo que ser derivado aos centros concertados. Respecto á actividade cirúrxica para as patoloxías de prioridade 1, o tempo medio de espera neste último ano foi de 17,8 días, similar ao dos catro anos anteriores.

Outra acción fundamental para atender o mellor posible esta doenza é evitar as demoras e disfuncións na asistencia aos pacientes con sospeita de cáncer. Isto conséguese a través de circuítos asistenciais, que posibiliten a óptima coordinación entre atención primaria e hospitalaria nas patoloxías tumorais, coa implantación das vías rápidas O Servizo Galego de Saúde ten imprantadas sete vías rápidas para pacientes con cancro de mama, colon, pulmón, próstata, vexiga, cancro otorrinolaringolóxico (cabeza e pescozo) e melanoma. Durante 2020 foron atendidos preto de 16.500 pacientes nestas sete vías rápidas de cancro, agardando para ser atendidos catro días menos como tempo de espera media que no ano 2019. Ademais realizáronse 272.685 sesións nos hospitais de día.

Os tumores diagnosticados con máis frecuencia foron os de colon e recto, mama, pulmón, próstata, estómago, ril e melanoma. Durante o ano 2020, o Sergas dispensou tratamento farmacolóxico a un total de 8.620 pacientes con estas patoloxías, tanto nos hospitais de día oncohematolóxicos como nas unidades de farmacia oncolóxica. Trátase dun dato lixeiramente superior ao de 2019 (8.567), e que confirma á prioridade da atención aos pacientes oncolóxicos tamén durante a pandemia.