Sanidade pon ao dispor das CCAA os laboratorios públicos e privados de diagnóstico clínico

1 minutes read
  • As probas diagnósticas para a detección do COVID-19 deberán ser prescritas por un facultativo de acordo coas directrices da autoridade sanitaria competente

O Ministerio de Sanidade impulsou unha orde ministerial pola que pon ao dispor das comunidades autónomas os laboratorios públicos e privados de diagnóstico clínico.

Segundo a Orde SND/344/2020, do 13 de abril, publicada este martes no BOE, todos estes centros, servizos e establecementos sanitarios que non estean a prestar servizo no Sistema Nacional de Saúde, así como o seu persoal, estarán ao servizo das Comunicadades Autónomas (CCAA).

Esta orde tamén fixa os requisitos para a realización de probas diagnósticas para a detección do COVID-19. Así, estas probas deberán ser prescritas por un facultativo de acordo coas directrices, instrucións e criterios acordados para o efecto pola autoridade sanitaria competente. Ademais, todos os centros, con independencia da súa titularidade, deberán notificar ás CCAA os casos de COVID-19 confirmados dos que tivesen coñecemento tras a realización das probas diagnósticas.

Tamén se establece «a posibilidade de adoptar as medidas necesarias para a regulación dos prezos destas probas, co obxecto de evitar situacións abusivas no acceso a este servizo».

As entidades públicas ou privadas que adquiran material para facer probas diagnósticas «deberán poñelo en coñecemento da autoridade sanitaria competente da comunidade autónoma na que se atopen situados e/ou presten os seus servizos, con indicación expresa do tipo de material, número de unidades adquiridas e destino de uso».