Sanidade realizará cribados nas residencias universitarias


O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, detallou en rolda de prensa as medidas acordadas onte trala xuntanza do Comité clínico e anunciou a realización de cribados nas residencias universitarias galegas.

Acompañado polo secretario xeral do Sergas, Alberto Fuentes Losada, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán e o xerente do Sergas, José Flores, o responsable da carteira sanitaria abordou polo miúdo as medidas adoptadas na xornada de onte polo grupo de expertos que monitora a evolución da covid-19 en Galicia.

Así, detallou que o establecemento de medidas nos diferentes concellos obedece á combinación dun conxunto de criterios e parámetros con valor epidemiolóxico, que van máis alá, da denominada incidencia epidemiolóxica.

García Comesaña apuntou que malia que a situación en Galicia presenta uns mellores datos que o meirande parte das Comunidades Autónomas, a consellería segue a tomar decisións e, neste sentido anunciou que na xornada de hoxe comezou o cribado de estudantes nas residencias universitarias de Santiago de Compostela.

Sobre este particular, o titular da carteira sanitaria galega apuntou que estes cribados ampliaranse ás residencias dos restantes Campus universitarios de Galicia, nomeadamente, Coruña e Vigo. Pola súa banda, a directora xeral de Saúde Pública, sinalou que estas probas tamén se poden estender a outros ámbitos universitarios.