Sanidade reúne un grupo de expertos para abordar a prevención e control do consumo de cannabis

1 minutes read

A Consellería de Sanidade organiza, en colaboración coa Delegación do Gobierno para o Plan Nacional sobre Drogas do Ministerio de Sanidad, Consumo e Benestar Social; a Universidade de Vigo; e a Sociedade Científica Española de Estudos sobre o alcohol, o alcoholismo e as outras toxicomanías (Socidrogalcohol), o III Congreso internacional sobre prevención, tratamento e control do consumo de cannabis e os seus derivados. Os relatorios centraranse na abordaxe desta temática dende a adolescencia e a perspectiva de xénero.
O congreso, que terá lugar os días 18, 19 e 20, é unha iniciativa científica que pretende aglutinar a profesionais sanitarios, do ámbito xudicial e da educación, e estudantes das ramas socio-sanitarias interesadas por dar unha resposta aos problemas derivados do consumo de cannabis.
Poñer en común os crecentes coñecementos sobre o consumo de cannabis, ben illado ou en asociación con outras substancias psicoactivas, pode ser de gran utilidade para profesionais da medicina, psicoloxía, enfermería, da docencia, así como doutras disciplinas que traballan neste campo.
O Congreso realizarase en modalidade on-line, retransmitido dende a Axencia galega de Coñecemento en Saúde (ACIS), debido ás dificultades de planificación en base á evolución da pandemia. Nos días previos á súa celebración están a disposición das persoas inscritas os vídeos elaborados polos relatores para que os poidan ver e formular preguntas. Durante os días do congreso terán lugar as mesas de debate, onde se responderá ás preguntas realizadas polos inscritos ou transmitidas aos relatores o mesmo día da súa intervención, a través dos medios que se habilitarán ao efecto.