Sanidade solicita o uso responsable do número 061

1 minutes read

A Consellería de Sanidade solicita a cidadanía o uso responsable do teléfono 061 como número exclusivo para a atención ás emerxencias sanitarias e os casos graves provocados pola covid-19 na Comunidade galega. Ao tempo, o departamento sanitario da Xunta de Galicia, lembra o uso do número 881 54 00 45 para a consulta de información, dúbidas ou síntomas leves relacionados co coronavirus.

Así, a Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 rexistrou durante a xornada deste luns un incremento superior ao 40% do volume de chamadas recibidas, por iso a necesidade de lembrar á poboación a importancia de realizar un uso responsable dos recursos sanitarios públicos. Este aumento da demanda sanitaria supuxo, como sucedeu noutros momentos desta pandemia, o reforzo do persoal que traballa na Central de Coordinación para manter a calidade na atención dos pacientes.

Calquera persoa que se atope nunha situación de urxencia ou emerxencia sanitaria, deberá chamar ao 061, onde será atendido por persoal médico e enfermeiro especialista na atención a este tipo de situacións.