Sanidade tratará cos sindicatos as novas prazas e medidas en Atención Primaria


A Consellería de Sanidade ten previsto celebrar, proximamente, unha reunión ordinaria da Mesa Sectorial, na que, entre outros temas, se aborden diversos asuntos moi relevantes, como é a dotación de prazas nos dous niveis asistenciais (atención primaria e hospitalaria), medidas normativas, etc, quedando a data de celebración da reunión a que o proxecto sexa aprobado polo Consello da Xunta.
Todas as organizacións sindicais representadas na Mesa Sectorial (CIG, CCOO, CSIF, SATSE e UGT) veñen de pedir por escrito unha reunión da mesa sectorial para abordar a posible elaboración e negociación dun plan de ordenación de Recursos Humanos de atención primaria, e para recibir información detallada sobre a dotación de prazas nese nivel asistencial. Ao respecto, a Consellería de Sanidade sinala a súa intención de que eses asuntos sexan incorporados na orde do día desa próxima reunión da Mesa Sectorial.
Xunto ao anteriormente sinalado, o departamento sanitario galego ten convocado, para o vindeiro 28 de outubro, unha nova reunión do Consello Técnico de Atención Primaria, órgano colexiado creado a partir do documento do Plan Galego de Atención Primaria 2019-21, con carácter permanente, co obxectivo de realizar asesoramento en aspectos científicos, sociais e profesionais no ámbito da atención primaria.